Monday 29 de April de 2024

A Xunta e Afundación retratan a un cento de artistas galegos nunha exposición na Coruña


O proxecto do fotógrafo Xulio Gil, comisariado por Xabier Limia, poderá visitarse ata o 25 de maio

 

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da mostra Xulio Gil. Retratos dun tempo da plástica galega, o proxecto da Xunta de Galicia e Afundación que, tras o seu paso por Vigo e Ourense, chega á cidade coruñesa. “Esta exposición é unha homenaxe á plástica galega desde os retratos fotográficos dun cento de artistas que tivo a ben capturar Xulio Gil”, sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Trátase dunha iniciativa do fotógrafo Xulio Gil, comisariada por Xabier Limia, que se poderá visitar na sede de Afundación na Coruña  ata o 25 de maio. A mostra, articulada por unhas 100 imaxes, tivo o seu berce no ano 1988 co gallo da exposición Antropolóxicas e continuou posteriormente coa colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido. Desde entón, foi sumando fotografías ata construír este proxecto expositivo, composto por imaxes de gran formato e acompañado dun catálogo editado pola Xunta.

As persoas que se acheguen ata este espazo poderán descubrir as miradas capturadas por Xulio Gil de numerosos artistas recoñecidos como Francisco Leiro, Laxeiro, Elena Colmeiro, Antón Pulido, Ánxel Huete, Rosalía Pazó e moitos outros. “Eles fixeron unha importante contribución á identidade cultural de Galicia e a realidade que hoxe coñecemos é froito do persoeiros aquí retratados”, concluíu o director xeral de Cultura.